Vedes neste tempo como abren as flores e amosan as súas sementes? Pois hoxe descubrimos que tamén iso é Cóntame Un Mundo. Hoxe encetamos a programación no CIP A Saleta de Cea.

 

 

Descubrimos da man do alumnado de 1º e 2º ESO, un camiño de diálogo entre os vellos e novos mitos, historias, lembranzas como lugares de encontro na memoria do presente. Lendas, mitos, historias de vida pódense atopar na curiosidade dun neto, e mesmo nunha mensaxe de whatsapp entre compañeiras de clase!

Grazas a Pichel Churrus Queira Sueiro e ao persoal docente que nos sostivo neste obradoiro, ás familiares e veciñanza que abriu unha fenda ao pasado e ao alumnado pola vontade curiosa, e orgullosa, da memoria do seu pobo. Este obradoiro-laboratorio foi unha experiencia-semente, onde crearon por grupos, vídeos duns minutos con teléfonos móbiles, sobre as historias recollidas que máis lles marcaron ao alumnado. Mais, esta indagación e recreación non fixo máis que comezar!

Acabados os exames da materia de Lingua Galega e co apoio da profe Avelina Pichel, seguirán creando ata obter un resultado de vídeos colectivos.

Hoxe en Cea todas eramos aprendices curiosas!

Grazas pola enerxía marabillosa que vimos construíndo en equipa dende hai meses. E por este día que impulsou esta nave de historias que vén de despegar: Cóntame Un Mundo!