Esta tarde tamén tivemos cita no CEIP de Pumar de Urdilde ca rapazada que acude ao Campamento Diververán, organizado polo Concello de Rois.
Contámoslle algunhas das historias que a veciñanza de Urdilde nos contara, de cando os camiños se transitaban a pé, e mesmo íase co gando. Daquelas, igual ca hoxe, hai certos elementos cos que ás máis pequenas e pequenos, as persoas maiores nos metían medo. Antes era máis popular o sacauntos, o chupasangres, o lobo ou o home do saco.
Botamos o conto do home do saco e entenderon que nos días de hoxe, aínda se poden atopar semellantes, ata en internet. Todas quen estabamos alí erguemos a man e o puxemos en evidencia
“Fóra home do saco!”
Descubrimos unha rapazada tamén chea de ganas de contar historias, e dunha inmensa capacidade
para inventalas. A conversa levounos por regos de patacas e sementeiras, xa que a metade do grupo polo menos, colabora nas labores da casa rural na que viven. Manifestaron algúns, dándose voz entre eles, que lles gustaría crear un Clube de Botánica. E desexamos moito que os seus azos topen coas condicións apropiadas para que isto aconteza.
Logo, o sulfato das patacas levounos ao cheiro a ovos podres do xofre, e de aí ao mundo dos demos.
Poñendo luz aos novos mitos do que hoxe mete medo, apareceron gatos que se transforman en
demos, voces que aparecen ou cousas que se me moven soas. Que fermosa é a dúbida, cando non se
sabe se o conto sería certo ou unha fantasía. E cando polo medio desa dúbida, descorre a reflexión.
– Que me fala o conto? E que lle contesto eu?