Hoxe é sábado 17 de xuño do 2023. Para moita xente é un día coma tantos outros, pero en Cóntame un mundo non. Hoxe é o primeiro Encontro da palabra. Imos ata a parroquia de Feás, no concello ourensán de Boborás contra as 5 da tarde cunha esperanza: atopar xente de tódalas idades e xuntármonos para contar historias no campo da feira.
A transmisión oral é o punto de partida do proxecto: as historias son parte da nosa cultura. Contalas, mantelas vivas co paso do tempo, ese é o noso obxectivo. Por iso organizamos ata 5 actividades diferentes en cada concello, recollendo lendas, contos e lembranzas de persoas maiores, medianas e pequenas.
Arrincamos logo co encontro, cun pouco de retraso, e xeramos un círculo no que participan máis de 35 persoas, das cales 10 son nenas e nenos (de tódalas idades, dun mes ata 11 anos). Entre as persoas adultas hai xente de Feás, das parroquias e aldeas veciñas (Borraxas, Salón, Brués…) emigrantes que viven en México ou Panamá e volven á aldea cada verán e inmigrantes de Maiorca ou Madrid que viven no rural galego dende hai poucos meses ou anos. Por iso as nosas narradoras-facilitadoras comezan, logo das presentacións que rompen o xeo, a preguntas ou fíos comúns dos que poder tirar para que as historias aparezan.
A diversidade do grupo é un agasallo xa que actuamos en concellos de menos de 5.000 habitantes á procura de encontros interxeracionais. Por iso as nosas narradoras-facilitadoras comezan, logo das presentacións, a suxerir preguntas ou fíos comúns dos que poder tirar para que as historias aparezan:
Falamos das fotografías, das que viña facer o Aurelio cada 8 do mes (o día da Feira), dos debuxos e cores que engadía ás imaxes, tamén do día que viñan facer os carnets de identidade ás aldeas e por suposto falamos dos “tantos millones de fotos” que segundo os nenos se fan agora cos teléfonos móbiles e que como din as nais “ademais non imprimimos”. Todo isto produce na xente de todo o círculo a necesidade de coller o móbil e revisar as fotos vellas que xa teñen dixitalizadas para levar consigo. E dá visibilidade ao intercambio interxeracional: as avoas contan a historia das fotos ás netas, que á súa vez botan unha man coas novas tecnoloxías.
O pouco xeo que puidera quedar está escachado de todo, a xente levántase, rompe o círculo, vai intercambiar información e imaxes cas veciñas, acolle ás persoas que seguen chegando ao encontro… Esta desorde aleda o campo e as emocións van aparecendo: ledicia, morriña, amor, tristeza e risas.
Cada quen ten algo que lembrar e as narradoras facilitan o tránsito dun tema a outro: fálase dos tempos nos que vivían case mil persoas na parroquia, do cine, dos 4 comercios e 4 bancos que tiña, do circo de Jaimito e o seu cine de verán e do Changüi, o salón de festas que era precisamente iso, un salón dunha casa.
Co falar das festas quéntanse as gorxas e póñense a funcionar os pandeiros e pandeiretas.
Primeiro con timidez e logo con enerxía cántanse varias cancións (moitas das que se cantaban na igrexa ou mesmo vellas panxoliñas en galego) e mesmo unha moza mexicana colle a pandeireta e agasállanos cunha muiñeira. Os nenos e nenas, logo dos cantos, comezan a xogar inquedos no parque e as nais e avoas quedan no círculo para falar dos colchóns de cortiza e das sobreiras das que saía.
Deste xeito achegámonos ás lembranzas sobre o tempo de lecer e, nun campo cheo de tobogáns, randeeiras e aparellos, ábrense paso os paus, as rodas, as pedras e sobre todo, a imaxinación. Escoitamos con curiosidade algúns xogos que non precisaban máis que a xente:
as tabas, o trinta, xustiza e ladrón… E volve a morriña, porque agora co despoboamento non só perdemos as casas, os bancos e as salas de festas, arriscámonos a perder tamén todos estes coñecementos, tradicións e historias.
A piques de pechar o encontro chega o “momento gastronómico” cun chocolate quente (por cortesía do concello e feito por Aurora, do Bar Nitron) e algunhas reflexións finais, doces e agradecidas: “grazas por vir ata aquí”, “temos que repetir isto, como se facía antes”, “gústanos moito recordar vivencias”.
E unha constatación: “agora cos teléfonos móbiles estamos máis afastados, non nos encontramos”.
Antes de pasar ao “estudo fotográfico” improvisado no que imitaremos as fotos que se facían antes, volvemos a rir coas trasnadas de San Xoán (que aquí eran polo Nadal) e se premiaban coas uvas que as mozas e mozos, se tiñan sorte, roubaban das cepas sen consecuencias. Estes sorrisos enchen as bocas de todas as presentes nas imaxes finais.
Cóntame un mundo deixa Feás, pero as historias quedan grazas á xuntanza das súas xentes. A de Boborás foi a primeira. Logo virán as demais (A Baña, Dodro, Friol, Rois, San Cristovo de Cea, Touro e Vilarmaior) coas súas diversidades, os seus contos, as súas emocións…