Ás 17:00h. En Urdilde (Rois). ROTEIRO DA MEMORIA

En Urdilde paseamos a través de moitos tempos, habitados pola memoria de hoxe.
As nenas, que nun día foron, volvéronse atopar hoxe onde foi a escola das nenas, dende os anos 20’s deica a metade dos 60’s. Hoxe, Teresa e Esther, Nieves Nieto, Teresa Vidal e María Teresa Mariño deixáronnos admiradas cunha escena escrita e preparada por elas mesmas. Representaron a catro alumnas e a unha mestra, da que as máis maiores nos contaran sobre o dura que fora con elas.

Oxalá haxa o día no que chegue este texto escrito ao cole de hoxe, e mesmo volva ser representado!
Pero tedes que saber, que este local que nun día foi a súa escola, hoxe é o local da Asociación de Mulleres de Urdilde.

As nenas saíron ao recreo e imaxinamos o que foi o Campo da Feira, onde hoxe se atopa o Centro de Saúde. Grazas a Manuel do Bar Venezuela por nos emprestar a foto do Campo da Feira e a súa paixón pola memoria.
Neste Roteiro, en especial, foron relevantes as fotografías. Como pezas clave para viaxar a través da memoria e dar con recordos, que coma xa aconteceu noutros lugares, son reconstruídos pola veciñanza, que se contaxia a curiosidade e aparece así a capacidade da regresión colectiva. As fotos que hoxe nos impulsaron, foron tomadas por Selmo, o fotógrafo de referencia do lugar, xa falecido nos últimos anos. E puideron chegar a nós grazas a persoas que as atesouran como o seu fillo, quen ademais recibiu a transmisión de seu pai para poder positivalas, e quen está nesta inmensa fazaña, pois grande parte da memoria de Urdilde nas últimas décadas está aínda por revelarse…

Puidemos viaxar ao presente ou, a un pasado máis achegado, tamén grazas á memoria viva e activa de moitas mulleres e tamén homes, véndonos ante o Centro de Saúde hoxe. Este foi conseguido para a parroquia no ano 1993 grazas á forza que xuntaron moitas mulleres, dende a súa asociación de Mulleres de Urdilde, creada no ano 1985 e sendo a primeira asociación de mulleres na Galiza.

Xuntas recordan que tamén conseguiron a Farmacia e a traída da auga. Moitos homes do lugar, orgullosos desta asociación, apoiáronas incondicionalmente. Como Luis, que dende os 15 anos marchou para Urdilde a traballar no banco que había por aquel entón, e recórdanos de cando el ía procurar firmas entre o pobo para a asociación.
Pois tras lembrar a feira do gando, seguimos o son dos chocallos cara un camiño de terra, por onde xogaban aquelas nenas. E hoxe a veciñanza que participa deste roteiro, colléndose de “ganchete” cóntanse por parellas unha lembranza das súas infancias, deica chegarmos ao Camiño Real, por onde pasa o Camiño de Santiago. E onde localizamos, hoxe, o  que foi un pallal onde Manolo de Pino, máis coñecido pola veciñanza como Mona de Pino, durmía, en ocasións. Nas noites de frío e choiva  durmía no taller de carpinteria de Xaquín, así contounolo a filla deste último. Un persoeiro que viviu en Urdilde entre os anos 50 e 70 e quen decidiu volver logo dese tempo á súa terra natal, Noia, para finar ao pouco tempo de chegar. A Mona era un home que andaba ao seu aire e axudaba no que cumprira a calquera veciño e veciña, en troco por comer, ou por algunha cousa que lle cumprira para pasar os días
de inverno.

Na entrada deste pallal atopamos un oco para o peto de ánimas. Nesta pedra oca na que hoxe non había nada colocamos unha foto da Mona de Pino con Don Manuel Osorio, un crego e persoeiro tamén relevante para a poboación de Urdilde. Aquí, depositamos algunhas flores que viñemos apañando polo camiño de terra.

As nosas vellas actrices que nos teñen acompañado noutros roteiros, Julia e Brígida, dúas marionetas de luva, quixeron participar co seu número de pícaras sobre a propiedade diante da casa da Mona. E lembráronnos que a Mona de Pino non estaba na casa porque ía esperar o Castromil á estrada, para recoller as bovinas do cinema desta tarde.

– Pois imos logo Brígida, que hai que se preparar para esta noite. Eu hoxe vou poñer pantalóns!
– Pantalóns!?
– Si e serei a primeira muller en levalos aquí.
– Pois logo eu serei a segunda!
– Imos buscalos a Confecciones Olimpio, alí a miña filla aprende a costureira co xastre.
– Imos! A polos pantalóns Rodosán.

Así se despediron estas vellas e continuamos o camiño.
Atravesamos a estrada que fai de columna vertebral de Urdilde, a que nun tempo foi a culpable de que o pobo estivera cheo de vida, comercios, relacións… E a que tempo despois foi quedando máis esquecida a cada paso, ca construción da autoestrada, e polo que xa non atraía a tanta xente por A Calle, nome co que é popularmente coñecida esta pequena urbe rural. Nun tempo, había quen viña a propósito a mercar, ou quen tiña que pasar por alí para chegar a Noia, e aproveitaba para tomar un café.

 

 

Pero nós estabamos indo de camiño a Confecciones Olimpio, que posteriormente foi coñecido por pantalóns Rodosán, a marca dos pantalóns cos que decidiron especializarse neste taller de confección, xa pechado dende hai uns oito anos.

Carmen e Manuel son os habitantes da casa, e os donos e traballadores fundamentais nos últimos tempos do taller. Abríronnos as portas do seu corazón, para levarnos, Manuel, cara a memoria de seu pai, o xastre de quen o herdou. E atravesando a recepción, un expositor cun pantalón para unha persoa xigante xigante, que contan que lles valeu para facerse promoción alá onde ían.

As veciñas contan do bos que eran aqueles pantalóns, e que os teñen na casa aínda enteiros e campantes. Conta Carmen entre risas que eran tan bos os pantalóns, que a xente tardaba moito en necesitar mercar outros. Mais isto fixo que pantalóns Rodosán estiveran presentes por toda Galiza, e máis alá.

Leváronnos á sala onde están as longas mesas de corte, e contáronnos a utilidade dalgúns utensilios e o proceso de corte. Logo pasamos á sala de pasar o ferro.

Unha veciña cantaba o son que se sentía dende fóra e Carmen lembraba os distintos sons que se producían no interior ao poñer os ferros en marcha.

Manolo acendeu a extracción e puidemos escoitar entón, un deses sons como era en realidade. A máis, mentres que imaxinabamos a banda sonora, Carmen fixo unha simulación física do xesto rítmico, que danzaba entre esa orquestra de sons para voltear os pantalóns que pasaba. E cos pés, marcaba o pulso sobre os pedais que ten ese aparello.

Xusto ao carón, do taller de pantalóns Rodosán, estamos na que foi a escola dos nenos, construída con cartos que os galegos emigrantes gañaban en Cuba. Esa escola foi tamén colexio electoral no século pasado e ségueo sendo a día de hoxe. Podemos ver ás mulleres en fila votando. Iso si, todas acompañadas dos seus homes de referencia que, como ben aclararon a viva voz algunhas veciñas presentes, ditábanlle a “cadansúas” mulleres o que habían de botar na caixa electoral, feito que estaba normalizado por aquel entón. Aínda estamos en camiño de aclarar a que comicios corresponden dúas fotografías que Anselmo nos ensinou, e que seguramente foron tomadas polo seu pai Selmo. Pois botando contas non poden ser as eleccións que deron lugar á 2ª República.

Xusto á volta chegamos ao Campo da Festa. Primeiro, na parte onde se celebrou a Festa do Emigrante por moitos anos. E principal organizador dela foi Selmo, o fotógrafo do que vos vimos falando ata agora, que ademais era quen fornecía electricidade nos eventos coma este ou ás orquestras que viñan á festa. En tempos algunhas orquestras chegaban en tractor polos camiños cheos de fochancas. E cando non había orquestra, Selmo pinchaba os seus vinilos e a xente dicía: “Tivemos na festa os discos de Selmo”.

A veciñanza lembra á Festa do Emigrante como da mellor das festas que había no ano. Compartían banquetes en comunidade cos emigrantes que viñan algunha vez ao ano. E as nenas, hoxe grandes, lembran que podían ir vestidas como lles petaba, a diferenza da festa patronal, na que había que gardar unha indumentaria acorde ca feminidade entendida naquela época.

Hoxe a festa patronal de Santa María de Urdilde celébrase no mesmo campo. E foi rehabilitado grazas a moitas persoas, das cales hoxe nos acompañan algunhas e nolo contan. Antes as orquestras colocábanse no palco elevado de forma circular e cuberto, mais esta estrutura foi esmorecendo e acabaron por derrubala. Contan que Selmo sonorizou e fixo a iluminación, por vez primeira para moitas orquestras, hoxe ben coñecidas.

Van soando xa as badaladas que anuncian a misa das 20h. E nós imos cara a igrexa, inda que non será para ir á misa. Imos polo camiño vendo fotografías e recordando a Don Manuel Osorio, que tamén enredaba á poboación e sobre todo, ás pícaras e pícaros. Levábaos de excursión, participou na creación da equipa de fútbol, e mesmo xunto con Selmo na técnica, e Manolo do café que puña o local, trouxo a Urdilde o cinema parroquial. Aquí, estamos a piques de chegar…

 

Pero antes subimos de novo á estrada, mentres seguimos lembrando xuntas e escoitando a memoria do que foi Urdilde. Pola estrada chegamos ao local onde estaba a tenda de Selmo. Marconi puña o letreiro da tenda, mais o nome era “A Tenda de Selmo”. Ficou nese local deica o 1979 e hoxe está pechada. Mais os fillos, que deron continuidade ao negocio ata ese ano, aínda seguen, e Anselmo noutro local na cima da estrada. Por un tramo, ao longo dos muros da beirarrúa da estrada, e en dirección Santiago, vemos expostas máis fotografías, tomadas por Selmo pai e como dixemos, dadas á luz polo seu fillo Anselmo.

Selmo foi destes homes, tales como Ramón Godás en Astureses, que iniciou unha época, sendo el o que tiña o coñecemento, curiosidade e dedicación polos trebellos tecnolóxicos do momento. Non só montaba ou reparaba televisores ou radios, senón que os creaba de cero. Da súa tenda podemos ver algunha fotografía, cedida por Anselmo, un dos fillos que coida o legado e a quen agradecemos enormemente o seu aporte cas fotografías, moitas das cales nunca vistas pola veciñanza, e sen as que este roteiro non podería ter sido así de entrañable e cargado de motivación para a memoria das veciñas e veciños. Memoria con ganas de espertar, seguir decatándose do que enche as eivas das historias lembradas, e sobre todo de seguir soñando.

Antes de entrar no que foi a sala de cinema, lembramos ao público que poden facer as súas necesidades como antes. Ben ir ao carreiro para mexar, ou ben ir onde a vaquiña á corte por tras da taberna para facer outras necesidades maiores; así o contaban que era.

E agora si, cruzamos a estrada e chegamos ao Café Puerta del Sol. Hoxe, e dende hai tres anos xa non sirve cafés nin outra cousa ao seu público, pero alí sacáronse moitos cafés, moitos! Entre Luis e Ester e logo, Marité, herdeira e veciña que nos abre as portas da súa casa, do seu corazón e do que hoxe é o seu almacén, onde un día houbo o cinema das parroquias do que vos vimos falando.

Na fachada de onde era a entrada podemos ver onde estaba a billeteira, coa forma da ventanuxa por onde se sacaban as entradas. Hoxe vemos a Ester, posando fermosa ao lado. Entre ela e a filla Marité, dan paso ao público expectante, tomándolles notas dos cafés que tomarán. Ímonos sentando nas cadeiras, acompañadas da música do tocadiscos, tal como se pinchaban as cancións e músicas no baile que alí mesmo se organizaba despois do cinema.

Por un breve tempo chegaron a convivir o cinema e o baile, alternándose cada fin de semana, mais ao pouco, o cinema deixou de existir, polo 1967. Entón quedou sala de baile que durou ata que as novas xeracións dos anos 70, xa escollían saír de festa en Os Pasales, en Noia, ou outras zonas fóra de Urdilde. Onde coma hoxe, ían pra pasalo ben, bailar e relacionarse. Anselmo tamén nos conta, que recorda que da que pechou o baile en Urdilde, aínda houbo Circo. E que ben se lembran el máis un amigo, dos funambulistas sobre a corda frouxa.

Hoxe, vemos unha proxección, que desta vez non pode ser unha película, pero si algunhas fotografías e un anaco dunha escena dunha película na que saen Andrés do Barro e Conchita Velasco, que foi rodada en Macedos, unha aldea moi preto. E no mesmo Urdilde, por un carreiro cargado de flores fermosas de cores, plantadas pola mesma Ester, quen nos explica como foi aquel encontro ca actriz, que lle fixera especial ilusión.

O público, a veciñanza, emociónase de ver ás súas devanceiras nas fotografías, de ver os seus lugares lembrados con valor especial… Logo botamos un baile, retratámonos no noso particular “estudio fotográfico” itinerante e ao ritmo da música tomamos os cafés deliciosos preparados por Marité cuns bocados de exquisita trenza popular na zona, traída por cortesía do Concello de Rois.

Cando cas veciñas invocamos á memoria, e esta se presenta e se afianza con música, sabores, tacto, risas, aromas… non é doado rematar e marchar.

Pero así foi, e sempre ao fin ten que ser así.

GRAZAS VECIÑAS E VECIÑOS DE URDILDE, por participar con risas e corazón desta festa, porque para nós isto foi tamén este roteiro.

Volveremos ao cinema para recordar xuntas esta experiencia deste día, que abofé xa fai parte da memoria.

 

(Fotografías de Miguel Hernández e Anayansi Expósito)