O punto de saída sobre a praza de Friol é na Casa da Galbana, hoxe unha casa rehabilitada como hotel rural. De aí foi fillo de Elvira A Galbana, Manuel Andón Cebreiro.
Alcalde deica o ano 1975, a causa do seu pasamento. É rememorado no seu bo facer polo pobo da vila de Friol, en diversas ocasións.
E neste día, lembráronse os palcos que Andón deseñaba para as Festas da santa Isabel na mesma praza que leva o seu nome. Tan ben feitos e fermosos, que activaban a moita veciñanza. Dende carpinteiros, costureiras e máis, ata as voluntarias e voluntarios que botaban man no que cumprira, para construír un decorado acorde co nome da orquestra que tocara. Estas escenografías causarían unha sensación extraordinaria, entre os municipios da provincia e mesmo de Galicia enteira.
De aquí fomos á de Angelines, onde nos recibiron ela mesma, no seu comercio “Confecciones Angelines”, tamén coñecido por Casa das Calcetadoras, xunto con Ester de Reción, costureira que traballou no comercio e taller da súa Casa de Reción. E neste día, xuntas como amigas e veciñas que medraron en Friol, amosaron fotografías que custodian as súas historias.
Historias que se sumaron ás que xurdiron das miradas, conectadas ca veciñanza compañeira disposta entre o público; como Fe, outra costureira de Friol que asistiu acompañada da súa familia.
Angelines foi a primeira muller en Friol e a contorna en ter un seiscentos e conducir. E Ester de Reción a primeira en levar pantalón. Vestían, e visten! ao seu gusto, segundo o que viran polo mundo e se lles antollara confeccionar. Daquela, lucíano por Friol sen vergoña ao que puideran dicir. Probablemente, creando tendencias e anunciacións de tempos novos.
Á saída do comercio vemos unha fotografía tomada no 2009 ao grupo de teatro, a quen Angelines e maila súa filla Liliana lles confeccionaron os traxes, para representar “A Serpe da Cova”, da man de seu mestre Carricoba.
J. María Carricoba tamén nos acompañou a nós, coma un guía neste periplo friolés do proxecto, e durante todo o roteiro. Neste punto, contounos daquel momento cando se estaba facendo teatro na escola, aínda non hai moito. E na actualidade, quen guía os grupos de teatro que se están conformando de xeito extraescolar é Pili do Asubío.
Cruzamos a estrada e paramos no Campo da Feira, lembrando onde antes se puña o gando ou os tecidos nas casetas.
Diante da fonte, xogamos a dramatizar a lenda da Cova da Serpe, recitado nunha especie de romance da autoría de Xesús Trashorras. (Este texto en verso da lenda da Cova da Serpe, foi tomado do blogue “Galicia Encantada”, o cal está conducido por Antonio Reigosa, quen tamén nos aportou algunhas pistas neste periplo.)
Mentres que Erea e o seu pai Moreno recitaban esta lenda, Raquel, Alba, Anxo e Laura interpretámola fisicamente, ca axuda dalgúns obxectos e de modo improvisado. Logo, Moreno e Erea contáronnos a Lenda da Serpe Xigante, o cal deu nunha auténtica escena en vivo sobre a transmisión oral.
De seguido, as lavandeiras xurdiron para guiarnos ata a Casa Terrón, transportándonos a toque de chocallo, ao tempo no que moitas aínda acordan a Evangelina, unha lavandeira. A última que lavou
no río e que lavaba para moitas casas.
No gran comercio Casa Terrón, Carmela e Yeyes recibíronnos e acabaron sacando a Guía do Pequeno, creada polo alumnado pícaro e mozo trala iniciativa do que era director do cole, no curso 1996-97. Publicaron unha guía de teléfonos do Concello de Friol, indicando os números co nome, parroquias, barrios e co nome da Casa pola que se lle coñece a cada quen. O que comezou sendo unha iniciativa para custear a excursión de final de curso, converteuse nun recurso requirido pola veciñanza. Éxito polo que posteriormente editáronse algunhas actualizacións. A última do ano 2007.
E hoxe, faise raro pensar en como podería actualizarse de novo, dicían: – Xa cada persoa individual atendemos a un número de teléfono, que xa non é o da Casa.
Como xa avanzou o mestre Carricoba no blogue “Máis que pan e queixo” Maruja, nai dos cinco fillos e fillas Terrón, facía moito que non se vía ca veciñanza, o que deu nun momento inchado de emoción, encontro e alegrías inesperadas.
Volta ás lavandeiras, que nos “aceneaban” cos chocallos para volver cruzar o paso; e levarnos pola outra beirarrúa á outra casa dos Terrón, onde, dende o ano 1961 ao 1964, houbo unha sala de cinema en funcionamento. O cine Friol. Diante do que foi a sala, recreamos a fachada daquel momento escoitando o relato de Tato, quen nos convida a pasar e deléitanos con historias diversas, agochadas en vellas fotografías e obxectos.
Mentres unhas bovinas oxidadas, flirteando entre o pasado e o presente, descóbrennos unha serie de fotos que retratan o periplo desta semana, ca veciñanza de Friol que acolleu a Cóntame un Mundo.
O interese da xente por escoitar, preguntar detalles ás historias que contan as veciñas e máis contar a súa, ou a de alguén, é unha evidencia.
Quédanos un punto antes de chegar ao final. Este devólvenos á lavandeira Evangelina, na beira do río, antes de cruzar unha pontiña, que está ao lado da gabia, onde se lavaba a roupa no inverno. E máis ao longo do través do Río Narla, nun empedrado que fai coma un dique, onde lavaban normalmente se non desbordaba. Paco lembraba vir lavar ca súa nai.
Por este camiño chegamos á Casa dos Peruchelas. Casa de comidas ata hai un tempo, que fai espertar á memoria nas papilas da veciñanza. E vai sendo horas do xantar, por iso agoamos as filloas ao falar delas. Mais, decontado, quedamos agarradas á historia de Angelines do Peruchelas.
Quen compartiu cas súas veciñas e veciños, nunha sensación de aperta comunitaria.
Para rematar cos brazos abertos e brillantes de curiosidade, e recibir un número de solo de danza, de Jesús Fagil da Casa do Asubío.
A emoción estoupa en alegría, orgullo e esperanza para este pobo. Dicíano as veciñas e os veciños.
E os ollos deste mozo friolés, mentres se enredaban as entrañas das lembranzas, os desexos esquecidos, o esplendor de observar a beleza do movemento…
A grandísima ovación do seu pobo a Jesús, esqueceunos o apetito do xantar.
Foi entón… Animámonos a agarrarnos a ritmo de vals, para dar co final desta andaina, na praza diante da Casa de Angelines do Peruchela.
– Permites? …